Sunday 28 de April de 2024

Cincocentas racións de churrasco repartiranse este mércores na Festa da Veciñanza de Fene


Conta atrás para unha nova edición da Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeracional que organiza a Concellería de Cultura e Ensino de Fene, coa colaboración do movemento asociativo do Concello, e que terá lugar este mércores, 13 de xullo, na Praza do Concello. A Festa encádrase no ciclo do Día da Patria Galega que comezou o pasado venres cun concerto de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre e que concluirá este xoves coa lectura da Declaración Institucional do Día da Patria Galega no parque liñal do Río Cádavo, a cargo de Paloma Rodríguez Vázquez.

A Orquestra Os Modernos (Premio Martín Códax’16 na categoría de “Orquestra, grupo e música de verbena”) amenizará este ano a Festa da Veciñanza de Fene que comezará mañá mércores ás oito do serán co reparto de 500 racións de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga.

Concluído o prazo para a compra anticipada de tickets, as persoas que queiran participar no xantar de convivencia aínda terán oportunidade de mercar os seus tickets no posto habilitado pola organización na propia Praza do Concello (onde se porán á venda a partir das 19 horas un total de 100 tickets ao prezo de 3€/ración).

Dende a Concellería de Cultura Ensino lembran que os cambios introducidos este ano na Festa da Veciñanza e que se traduciron no cobro dunha cota simbólica por ración e na venda anticipada de tickets, teñen como obxectivo mellorar a organización da actividade.

Ao remate da churrascada, que organiza este ano unha entidade veciñal coa colaboración do Concello e do movemento asociativo de Fene, comezará o espectáculo e baile coa orquestra Os Modernos.

“Como consecuencia da súa constante ansia por renovarse e a experiencia a través de tantas xiras por Europa e América do Sur e do Norte, a Orquestra “Os Modernos” ofrece un repertorio renovado de bailes como manda a última moda: foxtrot, baião, chotis, habanera ou tango americano, corrido, rumba, mazurca e mesmo un avant-garde twist, sen esquecer tampouco eses ritmos máis arcaicos e propios do folklore galego como a muiñeira ou a jota.”
“Os Modernos” son: Manolo Guldrís (bombo-chis), Xosé Tuñas (caixa), Carlos Osorio (gaita-de-fol), Joám Casas (clarinete), Lois Mouriño (saxo), Alonso Caxade (bombardino) e Iria Piñeiro (voz) como Rosalie de Choix.
Trala Festa da Veciñanza deste mércores, o xoves 14 de xullo pecharase o programa do Ciclo do Día da Patria Galega coa lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no Parque Liñal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”. No acto, que comezará ás 20.00 horas, intervirá a psicóloga, experta en igualdade e mestra do Ceip Centieiras de Perlío-Fene, Paloma Rodríguez Vázquez, autora da declaración institucional do Día da Patria Galega 2016 no Concello de Fene. Autora de diversas publicacións infantís, de ficción e sobre temática de igualdade, Paloma Rodríguez foi directora do Centro de Información á Muller, do Instituto da Muller, xefa de Sección do Servizo Galego de Igualdade e deputada no Congreso.